Inicio
Presentación
Actividades
Destinatarios
Encontros Xerenciais
Bolsas en Prácticas
Colaboradores
Contactar
Buscador
Inicio arrow ¿Por que apoiar a función xerencial?
¿Por que apoiar a función xerencial? PDF Imprimir Correo

Hai algúns elementos que sustentan a idea do apoio as funcións xerenciais en cooperativas de traballo:

Os retos actuais do cooperativismo de traballo

En base aos traballos desenvoltos no Plan Estratéxico do Cooperativismo, podemos identificar algúns retos relevantes para as cooperativas de traballo asociado galegas. Entre outros seleccionamos aquí os que teñen relación co apoio á función xerencial:

• Na área de desenvolvemento empresarial, a necesidade de acompañar e fortalecer a propia capacidade das cooperativas de consolidarse economicamente e mellorar a súa capacidade estratéxica.

• Na área de desenvolvemento societario, o acompañamento para a viabilidade societaria e instrumentos que permitan articular positivamente a participación e a eficiencia empresarial.

• Na área de divulgación, formación e investigación, impulsar a transferencia de coñecementos no sector a través de relacións de intercooperación.

• Na área de financiamento, potenciar a axeitada xestión e planificación financeira.

• Finalmente, na área específica de cooperativas que asocian traballo, o desenvolvemento de sistemas organizativos propios, o crecemento dos cadros de persoal, o estímulo das condicións de viabilidade e a promoción de servizos mancomunados.

Na maior parte dos casos, a carencia dunha función xerencial nas cooperativas se interpón como obstáculo para a abordaxe de medidas de acción orientadas á consecución destes retos. En efecto, como se diagnostica no Libro Branco do Cooperativismo en Galicia, só un 24,5% das cooperativas de traballo asociado contan con xerencias profesionalizadas. Os consellos rectores, e en especial as persoas que ostentan o cargo de presidencia das cooperativas, asumen parte desta función xerencial, anque non sempre contan coa formación e as ferramentas que serían óptimas.

O tamaño das cooperativas

Atopámonos con outro dato relevante a tomar en conta na formulación da nosa proposta: o tamaño das cooperativas. O 30% das cooperativas de traballo asociado contan con só 3 socios ou socias. O 70% son microempresas, é dicir, que teñen menos de 10 traballadores en total (socios e non socios).

Este tamaño colócanos en moitos casos na imposibilidade de soster un posto de traballo profesionalizado e centrado na xerencia, o que explica que a nosa proposta non se centre en exclusiva na incorporación de xerentes ás cooperativas, senón no apoio á función xerencial, sexa esta desenvolvida de forma interna ou externa á cooperativa e sexa de forma especializada ou en necesaria combinación co outras funcións.

As accións desenvoltas con este mesmo obxectivo

As carencias que as cooperativas de traballo asociado presentan no aspecto da función xerencial non son unha problemática nova. Pola contra ven sendo detectada na análises do sector en Galicia desde moi atrás. Por citar unha referencia da pasada década, no número 12 da revista Cooperativismo e Economía Social, do ano 1995, veñen xa referidas unha serie de conclusións sobre a renuencia á diferenciación funcional, ou o mantemento das empresas cooperativas

industriais nunha posición na trama productiva que as homologa a 'talleres' sen dimensión empresarial autónoma.

Do mesmo xeito, a acción pública e a desenvolta desde o propio sector nos últimos anos tamén vén procurando dar resposta a estas debilidades, maiormente coa programación de cursos de formación ou xornadas, ben sexan dirixidos aos membros das propias cooperativas, ben sexan cursos de especialización en economía social para licenciados e diplomados.

Non temos na actualidade ferramentas precisas para avaliar o impacto destas accións na mellora da función xerencial das cooperativas. Si contamos con experiencia direta de contactación con cooperativas de traballo asociado en relación a convocatorias de accións formativas que nos permiten facer a seguinte avaliación:

A desatención da función xerencial funciona como unha barreira en si mesma para a asistenia a cursos e xornadas (as cooperativas que centran a prioridade no día a día do traballo directo non acceden á formación, xenrándose neste sentido un paradoxo negativo do estilo de 'quen máis precisaría esa formación é quen menos a aproveita').

Os contidos dos cursos e xornadas dificilmente poden baixar ao nivel da resolución dos problemas concretos que viven as cooperativas, polo que a traslación do aprendido cara á cooperativa pode ser dificultosa, e mesmo facer pouco rendible a formación.

Os apoios á función xerencial deben ter un carácter continuado no tempo.

As asociacións poden articular espazos de intercambio óptimos para o reforzo da función xerencial: onde se compartan problemas comúns, se busquen solucións técnicas máis experimentadas, etc.